Tan só unha copia
Unha copia é un reflexo, unha imitación, un conxunto de trazos que aspiran a, pero nunca chegan.
A copia é ilusión, espellismo efémero ou réplica demasiado duradeira.
En calquera caso, a copia é rexeitada.
E non hai fermosura nese intento de semellarse a unha realidade que amas? Unha realidade que admiras? Unha realidade que queres imitar?
E non é fermoso o reflexo da lúa sobre o mar? Tan só unha copia do satélite, pero unha copia tan máxica.
Despois están as copias que non son máis alá da imitación, que esqueceron a súa orixe, que aspiran a un imposible ó que nunca chegarán pero non teñen lugar ó que retornar.
Hai un pouco de impredicibilidade na copia, neses trazos disidentes que fan da copia, copia, e non orixinal.
Mais non é orixinal en si mesma a copia, que difire da versión canónica, que é imperfecta e polo tanto fermosa? Non é orixinal a peza que, nacida da semellanza e da imitación, tamén evoca sentimentos e emocións?
Hai un límite non escrito entre a copia e a mostra orixinal, ou talvez non?
Non son estas mesmas palabras copias de pensamentos que flúen ó son das teclas?
E se a copia é imperfecta e o orixinal, a perfección, non vivimos acaso nun mundo que é copia por imperfecto? Non somos nós mesmas copias dun soño irreal de nós que nunca alcanzaremos?
Hai unha fermosura impredicible na ilusión, no espellismo, na copia
Comentarios
Publicar un comentario