Social path
Porque non se pode recuperar o pasado, avanzo.
Porque todos os pasos que dei son os que me levaron ata aquí, avanzo.
Porque incluso se non hai un camiño de cinzas ás miñas costas que amosen o lume que desencadea a miña paixón, sigo avanzando.
E o mundo quixo atarme, quixo facerme crer que sempre era demasiado cedo, que agora xa é demasiado tarde. Fíxome crer que había límites que non era capaz de superar, fíxome ter medos que pensaba insuperables.
E ás veces a soidade doe un pouco, non vou mentir. Sentir que lle cantas á lúa e que nin sequera ela te oe, que estas palabras quedarán perdidas no infinito para sempre… Pero ó mesmo tempo son palabras que saben a suspiro de noite, que resoan coma un doce segredo que só o mundo e mais eu coñecemos.
Talvez o mundo nunca me quixo danar, nunca pretendeu limitarme. Talvez me daba ás, pero eu aínda non sabía voar. Talvez sempre estiven a tempo de aprender. Por iso, non sei moi ben o que é a xuventude nin o que deixa de selo, pero tampouco creo que importe. Non vexo o camiño de cinzas ás miñas costas, pero vexo un regueiro de lembranzas que flúe cara a adiante. Sempre adiante. E poida que algún día se convirta en lume e ese día estenda as ás e empece a voar…
Nunca entenderei por que nos atan á xuventude ou á vellez, por que non basta con ser, por que non podemos poñer unha canción, inspirarnos, escribir, compartilo e seguir. E se alguén atopa estas palabras, quizais as sinta como ese suspiro secreto de noite que aspiran a ser.
Comentarios
Publicar un comentario